jueves, 24 de mayo de 2012

Imaxes que conmoveron o mundo: A crise dos mísiles de Cuba



Esta fotografía pertence a un dos principais conflitos da Guerra Fría como foi a Crise dos mísiles de Cuba entre os anos 1959 e 1962. A imaxe fai referencia ó bloqueo marítimo levado a cabo polos EEUU sobre a illa de Cuba. Nela aparece  o navío destrutor USS Vesole, da mariña estadounidense, escoltando en augas internacionais á embarcación rusa Polzunov, que transportaba foguetes retirados de Cuba. Esta fotografía foi tomada por Carl Mydan, corresponsal de revista Life, en outubro de 1962.   Cabe destacar que a retirada dos cohetes soviéticos en territorio cubano puxo fin á chamada Crise dos mísiles. Este conflito está localizado na Guerra Fría, unha etapa que vai desde finais da II Guerra Mundial (1945) ata a caída do comunismo na URSS (1991). Este período caracterizouse por un enfrontamento indirecto entre os EEUU e a URSS e a conseguinte oposición de dous modelos, capitalismo e comunismo, dando lugar a unha tensión permanente que estalou en  diversos conflitos en Alemaña, a  Guerra de Corea, a Guerra de Vietnam ou a crise dos mísiles de Cuba. Este tenso enfrontamento implicou unha gran carreira armamentística, propaganda hostil e espionaxe cara ó inimigo. A crise dos mísiles de Cuba foi un conflito entre os EEUU, a URSS e Cuba debido ao descubrimento por parte dos EEUU de bases de mísiles nucleares soviéticos en territorio cubano. Este conflito, que se iniciara en 1959  tras instalarse en Cuba un réxime comunista dirixido por Fidel Castro, rematou en 1962 coa retirada dos soviéticos e o compromiso de desmontar as súas bases militares establecidas na illa, e tamén co levantamento do bloqueo marítimo imposto polos Estado Unidos. A ofensiva soviética significaría unha das maiores catástrofes da historia para a humanidade. Finalmente, o acordo diplomático entre os EEUU e a URSS puxo fin a esta terrible e fatídica ameaza.
Noé Castro

No hay comentarios:

Publicar un comentario