lunes, 23 de noviembre de 2009

París, 14 de xullo de 1789



A Bastilla ou Bastilla de San Antonio (S. Antoine en Francés) foi unha fortaleza medieval que protexía parte da cidade de París entre os séculos XIV e XVI pero que máis adiante se converteu nunha prisión estatal debido a unha grande perda de importancia estratéxica no mapa. Luís XIV convertéraa en prisión para deter aos revolucionarios. Cando mencionamos o seu nome, dámonos conta de que non estamos a falar dunha fortaleza calquera. Sabemos que estamos a falar dunha das fortalezas máis importantes do panorama histórico do s. XVIII xa que albergou un dos sucesos máis importantes da historia francesa e da historia das revolucións: a denominada “toma da Bastilla” que supuxo o fin do Antigo Réxime. A toma da Bastilla ocorreu o 14 de xullo de 1789. Os revolucionarios pretendían coa toma da prisión, acadar a rendición da monarquía francesa para conseguir o fin do absolutismo. Xa levaba a revolución varios meses estendéndose polas rúas de París. A idea dun novo réxime, a creación da Asemblea Nacional e o Xuramento do Xogo da Pelota ocasionaran tensións entre os parisinos. Neses momentos de confusión, o rei pediu axuda a países estranxeiros para que se congregaran arredor de París e arredor do seu pazo, Versalles. Este feito foi entendido polo Terceiro Estado como unha autoproclamación de despotismo por parte do rei e fixo que o pobo se lanzase ás rúas con ánimo de guerra. Unha rea de entre 40000 e 50000 persoas dirixiuse ao complexo de Os Inválidos (Les Invalides en francés), unha residencia de soldados e militares retirados, para coller armas coas que se defender. Os soldados, no interior do complexo non dispararon contra a multitude a pesar de contar con varios canóns. Ese foi o feito que impulsou aos revolucionarios a escalar os muros que arrodeaban a prisión da Bastilla xa que viron que non os atacaban. Ás 15:30 h daquel 14 de xullo de 1789, xa se apoderaran de cinco canóns que dispararon contra a propia prisión para ás 17:00 h entrar dentro e apoderarse das armas e da pólvora. Ás 18:00 h, Luís XVI deu a orde ás súas tropas de evacuar a cidade sen aínda saber que a Bastilla fora tomada polos revolucionarios. Esta orde non chegaría ao Concello ata as dúas da madrugada.
Ás 08:00 h do 15 de xullo, o duque de Rochefoucauld-Liancourt informou a Luís XVI da toma da Bastilla que tardou unhas horas en asimilar a situación. Os revolucionarios dispuxeron trincheiras nas rúas de París mais non foron necesarias porque o rei non mandou atacar ao seu exército, ao que lle ordenara con anterioridade que regresase á cidade. Como consecuencia de todo isto, a insurrección estendeuse por toda Francia. O pobo organizouse en municipios co obxectivo de lograr un propósito de autogoberno. Crearon corpos de gardas nacionais para a súa propia defensa. En zonas rurais, fronte á nobreza que se negaba a perder o seu poder, fincas e castelos foron queimados polos revolucionarios. Esta revolución serviu de modelo a varios países europeos que, en décadas posteriores, tamén organizaron revolucións dando lugar a estados liberais e nacionalistas.

Javier Cabana Soengas

No hay comentarios:

Publicar un comentario